
Repertorio
A Rosalía (Manuel Curros Enríquez-Pedro P. Riobó)
Carta a Fuco Buxán (Celso Emilio Ferreiro-Antón Parada)
Catro vellos mariñeiros (Popular)
Deitado frente ao mar (Celso Emilio Ferreiro-Antón Parada)
¿Donde vas carpintero? (Gloria Fuertes- Ismael Peña)
El arriero (Atahualpa Yupanqui)
En pé (Ramón Cabanillas-Pedro P. Riobó)
Espranza (Celso Emilio Ferreiro-Pedro P. Riobó)
Falade galego (Eduardo Pondal-Antón Parada)
Galicia (Ramón Cabanillas-Pedro P. Riobó)
Irmaus (Celso Emilio Ferreiro-Pedro P. Riobó)
Libremente (Celso Emilio Ferreiro-Antón Parada)
Marchan para non voltar (Pedro P. Riobó)
Marica se vas o río a lavar (Popular)
Mulher rendeira (Popular brasileira)
Nouturnio (Curros Enríquez)
Pandeirada (Popular)
Pra mocedade (Celso Emilio Ferreiro-Antón Parada)
Rebola (Popular)
Romance incompleto (Celso Emilio Ferreiro-Xavier Valle)
Algúns textos
A ROSALÍA
Manuel Curros Enríquez
Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
E vina tan sola
na noite sen fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!
A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu...
Os ósos don dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!
CARTA A FUCO BUXÁN
Celso E. Ferreiro
Fuco Buxán, labrego esfarrapado,
fillo da fame e neto de labregos.
Fuco Buxán, que vives de prestado,
comesto o corazón, os ollos cegos.
Fuco Buxán, compadre da miseria,
curmán das inxusticias e os aldraxes.
Fuco Buxán, ¿non sintes que na Iberia
feden a podre os homes e as paisaxes?
Fuco Buxán, na noite estrelecida,
hai un río de luz que vén de lexos.
Fuco Buxán da testa decaída,
hai un río de luz pròs homes rexos.
Fuco Buxán, aprinde a andar ergueito,
Fuco Buxán, aprinde a falar forte.
Fuco Buxán, aprinde de tal xeito
que nunca máis esquezas o teu norte.
Fuco Buxán, que fozas de cotío
na terra que te manda e non te deixa.
Fuco Buxán, que tes un largacío
anoitecer na ialma que te apreixa.
Fuco Buxán, de sol a sol, esterco,
Fuco Buxán, de sol a sol, eixada,
Fuco Buxán, coutado por un cerco,
Fuco Buxán, máis vale non ter nada.
Mentres o tempo da patria non chega,
mentres non pase o tempo que denigra,
deixa ese escuro afán que te atafega
Fuco Buxán, ¡emigra!
DEITADA FRENTE AO MAR
Celso Emilio Ferreiro
Lingua proletaria do meu pobo
eu fáloa porque si, porque me gusta,
porque me peta e quero e dáme a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do linguaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
preto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruíns e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os baleiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos nus.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ese camiño...
GALICIA
Ramón Cabanillas
Galicia! Nai e señora,
sempre garimosa e forte;
preto e lonxe; onte, e agora,
mañán… na vida e na morte!
A dos seráns campesinos,
a dos brilantes orvallos
a dos queixumes dos pinos
i as risadas dos carballos.
Sempre Nai, sempre Señora,
con leda ou cativa sorte;
preto e lonxe; onte, agora,
mañán… na vida e na morte!
A facenda, o creto, a vida,
o fogar…todo por ela!
Con Castela, ben querida;
aldraxada…sin Castela!
Namentras o sangre vibre
en beizos e corazón…
a espranza de vela libre
este berro: Redención!
Xuremos!: “Dereito ou torto,
sen máis alcuño ni achego,
doente ou san, vivo ou morto,
galego…soio galego”.
IRMAUS
Celso Emilio Ferreiro
Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero ti, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmáu che falo.
Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmau che falo.
Anque as nosas palabras sean distintas,
e ti negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmau che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmau che falo.
Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmau che falo.
PRÁ MOCEDADE
Celso E. Ferreiro
Tendes que alcender un facho
de baril inconformismo.
Non, non, diredes decote
aos profesores de mitos,
que queren de contrabando
pasar falsos paradisos.
Non, non, diredes arreo
aos que van no seu machiño
cabalgando moi contentes
entre nubes de outimismo.
Non, non, debedes decir
aos que minten por oficio.
A verdá, soio a verdá
da terra na que vivimos,
labrada en berros de lume,
nascida en berce cativo.
A verdá, soio a verdá
da terra na que nascimos.
ROMANCE INCOMPLETO
Celso Emilio Ferreiro
Fuco Pérez sin segundo,
veciño de Gargamala,
viúdo, maior de edade,
propietario dunha cabra
e dun terrón que produce
cinco ducias de patacas.
Fuco Pérez sin segundo,
furibundo iconoclasta,
pai dun neno engaranido
chantado diante a cabana.
Por teimoso inconformista
téñente fichado os gardas;
por herexe e descreído
póñenche a figa as beatas.
Fuco Pérez sin segundo,
ninguén sabe o que che pasa.
Tes o día, tes a noite,
tes os paxaros da ialba,
tes as estrelas do ceo,
tes as rúas i as estradas.
Fuco Pérez sin segundo,
¿qué che falta?…